CRTVG

Buscar

Prisión permanente revisable para Ana Julia Quezada pola morte do neno Gabriel

Publicado o 30/09/2019 16:28

A Audiencia Provincial de Almería condenou á pena de prisión permanente revisable a Ana Julia Quezada polo asasinato con aleivosía e a agravante de parentesco do neno Gabriel Cruz, e á que un xurado popular declarou culpable.

Tamén foi condenada a tres anos de prisión por un delito de lesións psíquicas coa agravante de parentesco ao pai do menor, Ángel Cruz, e a dous anos e nove meses de cárcere por outro delito de lesións psíquicas á nai, Patricia Ramírez.

Así mesmo, fóronlle impostas senllas penas dun ano e medio de prisión por un delito contra a integridade moral coa agravante de parentesco ao proxenitor, e outro sen esa agravante, á nai de Gabriel.

A decisión notificada este luns ás partes e remitida aos medios polo Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSXA) impón ademais o pago de indemnizacións por danos morais aos pais do menor na cantidade de 250.000 euros a cada un deles. Tampouco poderá achegarse a eles a menos de 500 metros por un período de 30 anos.

Xunto a iso, terá que abonar os gastos ocasionados ao Estado nos labores de procura do menor, que ascenden á suma de 200.203 euros.

A sentenza, que recolle o veredicto do xurado, sinala que Ana Julia estableceu unha relación con Ángel en setembro do 2017, convivindo con el e co neno cando a este lle correspondía estar co seu pai.

O 23 de febreiro do 2018, a acusada, Ángel e Gabriel desprazáronse ao domicilio da avoa do menor nas Hortichuelas Bajas, en Níjar (Almería), para pasar a ponte do 28 de febreiro. Catro días despois, sobre as 15:30 horas, o pequeno saíu da casa a xogar cuns curmáns que vivían preto.

"A acusada, inmediatamente despois de marchar Gabriel da vivenda, subiu ao seu vehículo e interceptou o neno, instándoo a que o acompañase á leira sita en Rodalquilar (Níjar, Almería) para realizar labores de pintura", relata a sentenza redactada pola da maxistrada Alejandra Dodero.

Ante a confianza xerada por Ana Julia ao ser unha "persoa intimamente vinculada á súa contorna familiar", accedeu a ir a esta leira situada nun "lugar afastado e deshabitado". Destaca, ademais, que a acusada era "consciente da súa superioridade respecto do neno, pola diferenza de idade e complexión" e que unha vez na leira, de "forma intencionada, súbita e repentina, colleu a Gabriel e lanzouno contra o chan ou parede do cuarto, e tras o impacto do neno, procedeu a acusada, coas súas propias mans, a taparlle a boca e o nariz con forza". Así ata que logrou "vencer a súa resistencia e provocar o seu falecemento" como consecuencia da oclusión dos orificios respiratorios, por asfixia mecánica por sufocación.

A busca de Gabriel prolongouse durante once días, tempo en que a condenada "simulou atoparse aflixida e compunxida, alentando os ánimos dos familiares, e xerando falsas expectativas sobre a aparición do neno, involucrándose nos labores de procura, desenvolvendo unha actitude de simulación, finximento e farsa pública e notoria".

Neste sentido, a sentenza recalca que lle dicía aos pais: "Hoxe ímolo atopar, hoxe vai aparecer, ímoslle dar Coca-Cola. O neno díxome esa mañá que quería chamarte -referíndose á nai- e díxenlle que á tarde cando chegase o seu pai".

Tamén lembra como o 3 de marzo, para distraer a atención na busca do neno e coa finalidade de dirixir as sospeitas sobre a súa ex-parella, así como coa "intención de engadir máis sufrimento aos pais", colocou unha camiseta do neno sobre unhas matas, nun canaval dun lugar apartado e de difícil acceso.

Xa o día 11 marzo, desenterrou o corpo de Gabriel da leira de Rodalquilar, meteuno no maleteiro do seu coche e durante o traxecto ata Vícar (Almería) proferiu expresións de "absoluto desprezo" ao neno".

Todos estes actos levados a cabo pola acusada realizounos querendo e sendo consciente de que aumentaba o sufrimento de Patricia e Ángel, menoscabando a súa saúde psíquica, e igualmente con eles quixo de modo deliberado vilipendiar, humillar e vexar ambos os pais", conclúe.