CRTVG

Buscar

Prisión para un profesor por abusar dunha alumna de 12 anos durante tres cursos

Publicado o 13/02/2018 13:33

Un profesor dun centro educativo da provincia de Málaga ingresou en prisión por orde xudicial tras ser detido pola Garda Civil acusado de abusar sexualmente dunha das súas alumnas, que tiña 12 anos cando comezaron os feitos, de maneira continuada durante máis de tres anos.

A menor recibiu máis de 3.000 chamadas telefónicas do docente nun ano, mensaxes continuas e numerosas cartas de amor para que non cesase a relación cando a vítima decidiu impedir os abusos, un acoso e ameazas que tamén se estenderon ás redes sociais, segundo informou hoxe a Garda Civil nun comunicado.

A investigación iniciouse tras a denuncia da nai da nena, que manifestou que a súa filla sufrira abusos sexuais continuados por parte do seu titor. Os axentes deron credibilidade ao seu relato polos datos que a menor achegou sobre as circunstancias en que supostamente se cometeron os abusos, polo que comezaron as súas pescudas para identificar o docente.

Segundo a Garda Civil, o profesor abusaría da confianza da nena e da súa superioridade para conseguir o seu propósito durante tres anos consecutivos, período en que someteu a súa alumna a un "forte control das súas actividades" e impúxolle obrigacións diarias para saber que facía e con quen se atopaba. Durante este tempo, a vítima non contou a ninguén o que sucedía, nin sequera aos seus pais, ata que tomou conciencia da situación en que se atopaba e "decidiu enfrontarse ao seu agresor e cesar os abusos que estaba a sufrir".

Foi entón cando o profesor, que non aceptaba o rexeitamento da menor, comezou a acosala constantemente con chamadas telefónicas e mostrou uns "celos enfermizos", xa que chegou a ameazar a todos os mozos que tiñan algún tipo de contacto coa vítima.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2018