CRTVG

Buscar

Prisión para os dous detidos en Vilanova por un suposto delito de narcotráfico

Publicado o 30/08/2020 21:09

Prisión provisional, comunicada e sen fianza, para os dous detidos este venres en Vilanova por un suposto delito de contrabando de droga.

Trátase dun veciño de Vilanova e un home venezolano que na madrugada do venres foron sorprendidos pola Garda Civil na zona do Cabo cando tentaban devolver a terra unha narcolancha. Usaban para ese fin un remolque, pero o ruído que facían acabou alertando os vecños, que avisaron os axentes. No momento da detención a embarcación estaba baleira, polo que os axentes sospeitan que xa fora usada para deixar os alixos en destino.

Os arrestados, agora en prisión, son o condutor do vehículo co que trataban de arrastrar a embarcación e un segundo home que escapou a nado, pero que finalmente foi interceptado. Dous veciños do Salnés conseguiron fuxir e continúan aínda agora en busca e captura.

Noticias web

30/08/2020