CRTVG

Buscar

Prisión para o sospeitoso de matar o xerente do bar Novo en Ourense

Publicado o 27/05/2020 15:35
Prisión para o sospeitoso de matar o xerente do bar Novo en Ourense

O home acusado da morte violenta do xerente do bar Novo, na cidade de Ourense, o pasado mes de febreiro, ingresou en prisión como presunto autor dun delito de homicidio doloso.

O presunto autor do homicidio prestou esta mañá declaración perante o xuíz.

Os feitos ocorreron o pasado 5 de febreiro de 2020, cando o 091 recibiu unha chamada na sala operativa alertando da presenza dun cadáver no interior dun bar, sito na rúa de Colón.

Desprazados ata o lugar, axentes de seguridade cidadá encontraron o corpo sen vida do dono, de nacionalidade portuguesa, con evidentes signos de violencia por arma branca, polo que abriron unha investigación.

O corpo do home atopábase "tirado no chan" no interior da barra, "enriba dun gran charco de sangue". Os axentes da unidade de delincuencia especializada que se fixeron cargo da investigación atoparon no home un corte no pescozo.

Nun posterior rexistro da vivenda e no bar da vítima, axentes encontraron droga (105 gramos de cocaína) e 12.685 euros en efectivo, así como "unha tableta e un caderno e follas con anotacións", detallaron os investigadores.