CRTVG

Buscar

Prisión para dous dos sete detidos na operación antidroga en Arousa

Publicado o 30/03/2020 23:08
Prisión para dous dos sete detidos na operación antidroga en Arousa

O xulgado de Cambados decretou prisión provisional comunicada e sen fianza para dous dos sete detidos en relación coa operación contra o narcotráfico desenvolta o pasado sábado na ría de Arousa.

Ambos, cuxo pase a disposición xudicial se produciu na tarde deste luns por vía telemática, son investigados por un delito de tráfico de drogas en cantidade de notoria importancia, informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A operación saldouse inicialmente con dúas detencións, que se elevaron a sete nas últimas horas, e a aprehensión de 3.700 quilos de cocaína, segundo o resultado da pesada, que foi complicada por causa de que os fardos tivesen unhas dimensións irregulares.

Aos dous ocupantes dunha das lanchas en que se transportaba a droga a terra súmanse na lista de detidos un home en Cambados e tres homes e unha muller na Guarda.

As forzas de seguridade lograron recuperar o sábado uns 68 fardos con cocaína que un dos dous detidos na operación antidroga guindara ao mar mentres fuxía. A cifra de fardos intervidos rolda os 150.

As dúas primeiras detencións producíronse á primeira hora do pasado sábado, cando estas dúas persoas, pilotos dunha das planadoras que transportaban a droga, pretendían chegar á costa coa cocaína. Segundo informaron fontes da investigación, a operación vénse xestando desde hai varios meses.

Polo menos un dos dous detidos, ambos orixinarios de países latinoamericanos, reside no municipio pontevedrés do Grove.

As autoridades lograron frustrar o desembarco da cocaína en Galicia despois dunha persecución pola ría de Arousa que acabou coa interceptación das dúas planadoras en que os detidos portaban os fardos de droga.

Unha das embarcacións, cuxos ocupantes seguen en paradoiro descoñecido, foi remolcada ata o porto do Grove e a segunda quedou encallada no lodo preto da desembocadura do río Umia, en Cambados.