CRTVG

Buscar

Prisión comunicada e sen fianza para o presunto asasino de Mónica Marcos

Publicado o 19/09/2021 20:04

Foto: EFE/Cabalar

Toda a dor e a carraxe da familia da vítima estoupou no momento en que José Ramón Guerreiro saíu dos xulgados. O presunto asasino permaneceu durante aproximadamente tres horas na sede xudicial. Como xa fixera durante o interrogatorio policial, optou por non declarar. A xuíza decretou o seu ingreso en prisión comunicada e sen fianza "polo risco de fuga evidente e porque hai indicios suficientes para pensar que o detido é a persoa que cometeu o crime", explica o avogado da familia da vítima. 

O procedemento pasa a levalo o xulgado de violencia contra a muller. "Os feitos son de extrema gravidade, estamos diante dun delito contra a vida, veremos se homicidio ou asasinato", relata Luis Anguita, fiscal.

José Ramón Guerreiro foi detido o xoves en Madrid, apenas vinte e catro horas despois de que presuntamente matase a súa parella a puñaladas no domicilio dela, que compartían desde finais de agosto. Levaban dous meses de relación. As persoas máis próximas á vítima descoñecían os antecedentes penais del por outros dous delitos de violencia machista.

Noticias web

19/09/2021