CRTVG

Buscar

Prisión comunicada e sen fianza para o home que apuñalou un policía en Ourense

Publicado o 11/06/2020 18:57
Prisión comunicada e sen fianza para o home que apuñalou un policía en Ourense

O xuíz decretou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza por homicidio en grao tentativa e delito contra a saúde pública para o home acusado de apuñalar un axente de policía que estaba fóra de servizo en Ourense.

O presunto agresor ten "múltiples" antecedentes e foi acusado de asestar presuntamente dúas puñaladas no abdome ao axente cun coitelo de cociña, informaron fontes policiais.

A agresión produciuse na tarde do pasado martes 9 de xuño, cando o policía se atopaba na terraza dun bar do centro da cidade con outras persoas.

Segundo o relato das testemuñas, o individuo achegouse "de forma sorpresiva" ao axente por detrás e apuñalouno dúas veces, fuxindo acto seguido tras lanzar o coitelo á rúa, que recolleu unha muller, xunto co teléfono móbil que lle caeu.

Por mor destes feitos, a Policía Nacional estableceu un dispositivo de busca en colaboración coa Policía Local que finalmente rematou coa detención do presunto autor da agresión, coñecido no ámbito policial e con antecedentes policiais.

O home, de corenta anos e natural de Ourense, foi localizado nun rocho no barrio do Pino e detido a continuación.

Como consecuencia da agresión, o axente, que se recupera na súa casa, requiriu asistencia médica debido ás feridas por arma branca que presentaba no abdome e que non alcanzaron órganos vitais.