CRTVG

Buscar

Principio de acordo para prorrogar os ERTE ata o 28 de febreiro

Publicado o 27/09/2021 20:31
Principio de acordo para prorrogar os ERTE ata o 28 de febreiro
EFE

O Goberno e os axentes sociais pecharon esta tarde un principio de acordo para prorrogar as axudas aos ERTE ata o próximo 28 de febreiro, que ten que ser ratificado internamente por CEOE, Cepyme e UXT, en tanto que CCOO o dá por validado.

O comité executivo da CEOE, reunido esta noite de forma extraordinaria, deu o seu visto e prace "por unanimidade" á última proposta de acordo para prorrogar os ERTE, informou a organización empresarial. Nun comunicado, os empresarios valoran a ampliación do prazo que solicitaran "e que protexe, así, ás empresas españolas en ERTE para que poidan chegar á campaña de Semana Santa esperemos que nun contexto de normalidade". 

Este novo esquema implica que a prórroga dos Expedientes dos ERTE actuais non será automática, polo que deberán ser solicitados de novo ao longo de mes de outubro, período en que seguirá vixente o esquema actual para non crear un baleiro legal. Fíxase definitivamente que o silencio administrativo se aplicará con carácter positivo, co que nese caso os novos ERTE daranse por aprobados.

Segundo UXT, as empresas de ata dez traballadores terán exoneracións do 50 % se non dan formación e do 80 % en caso de que impartan accións formativas, mentres que as de máis de dez traballadores gozarán dunha minoración das cotas do 40 % se non hai formación e tamén do 80 % se a hai. 

As empresas entre 10 e 49 empregados deberán empregar 30 horas en accións formativas, en tanto que as de máis de 50 traballadores deberán chegar a 40 horas. Así mesmo, vincúlanse as actividades formativas cun incremento de crédito para o financiamento no ámbito da formación programada, recollida na Lei 30/2015 polo que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral. 

O preacordo contempla prorrogar un ano o chamado "contador a cero" nas prestacións por desemprego, ata o 31 de decembro de 2022, de maneira que os traballadores en ERTE non consuman dereitos de paro adquiridos, ademais de seguir cobrando o 70 % da base reguladora. CCOO tamén destacou que se recupera a prestación extraordinaria para as persoas con contratos fixos descontinuos e garántese o contador a cero para este colectivo, que antes non estaba a garantir.

Igualmente mantéñense as condicións de acceso á prestación, aínda que non teñan o tempo requirido cotizado, a obrigación do mantemento do emprego, a prohibición das horas extras e novas contratas ou subcontratas e a prohibición da repartición de dividendos.

Regúlanse medidas extraordinarias para as empresas e persoas traballadoras das Illas Canarias afectadas pola erupción volcánica, con exoneracións dun 100 % en ERTE de impedimento e de 90 % nos ERTE de limitación. 

Noticias web

27/09/2021