CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Principio de acordo en Alemaña para reeditar a 'Gran coalición'

Publicado o 12/01/2018 21:20


A chanceler Angela Merkel e o líder dos socialdemócratas, Martin Schulz, chegaron finalmente a un principio de acordo para reeditar unha gran coalición que garanta a gobernabilidade de Alemaña e evite a convocatoria de novas eleccións. Pero este é tan só un primeiro paso, xa que Schulz deberá vencer aínda as reticencias dentro das súas filas a reeditar a alianza cos conservadores.

Máis de tres meses e medio despois das eleccións e tras máis de 24 horas de intensas negociacións, Merkel e Schulz presentaron un principio de acordo que, segundo salientaron, garante a gobernabilidade do país.

O entendemento supón un alivio para Merkel que, tras fracasar nas negociacións con liberais e Verdes, ve agora máis preto o seu cuarto mandato. Tamén para os seus irmáns bávaros da CSU, que ve cumprida a súa esixencia de limitar a chegada de refuxiados a 220.000 cada ano.

Toda a presión está agora sobre Schulz. O líder dos socialdemócratas debe afrontar un congreso extraordinario o domingo 21, en que deberá salvar a oposición frontal á gran coalición da ala máis esquerdista e, sobre todo, das xuventudes da súa formación. Posteriormente a militancia deberá tamén dar o seu visto e prace nunha votación vinculante.

Moitos non lle perdoan que dera marcha atrás na súa promesa de non pactar cos conservadores. Ademais, Schulz non consegiu impoñer nas negociacións un imposto ás grandes fortunas. A súa principal baza, ademais dun aumento nos investimentos en sanidade e educación, é o apoio ao proxecto renovador de Macron para a UE. Aínda que apenas hai medidas concretas, tanto dende Bruxelas como dende París amosáronse satisfeitos co compromiso europeísta e reformista dos grandes partidos alemáns.

Telexornal Serán

12/01/2018