CRTVG

Buscar

Nove casos na Barbanza, primeiro brote detectado en Galicia na nova normalidade

Publicado o 22/06/2020 08:17

• Todos os afectados presentan síntomas leves e están illados nos seus domicilios

O conselleiro de Sanidade pediu hai uns días precaución polo risco de brotes

Primeiro brote de coronavirus en Galicia desde que chegamos á nova normalidade. Detectouse en dous concellos da comarca da Barbanza: en Ribeira e na Pobra do Caramiñal. As nove persoas que deron positivo permanecen illadas nas súas casas. O Sergas cre que a orixe do foco está nun caso importado.

Oito positivos nas probas PCR en Ribeira e un na Pobra do Caramiñal. Todos con síntomas leves que non precisaron, por tanto, hospitalización. Os infectados, que manteñen relación familiar, de amizade ou de traballo entre si, están en illamento domiciliario.

Tamén se lles fixo a proba a otras quince persoas coas que mantiveran contacto. Todas tiveron PCR negativa.

"O venres pasado fíxose unha proba PCR que deu resultado positivo. Como consecuencia diso, despois do traballo de enquisa e análise de contactos, onte dous deses contactos tamén tiveron resultados positivos. Hoxe, entre todos os contactos confirmáronse outras probas positivas. En total hai nove probas positivas e quince con resultados negativos", di Antonio Fernández Campa, xerente do Servizo Galego de Saúde.

Estas quince persoas que estiveron en contacto directo cos positivos teñen que pasar 15 días en corentena. O rastrexo da primeira infectada que deu positivo permitiu delimitar a orixe do brote.

"A orixe máis probable que nestes momentos temos é unha persoa que regresou do Brasil nun voo a través de Lisboa. Non relatou sintomatoloxía cando chegou, pero a súa filla foi o primeiro dos casos que se clasificou con PCR positiva", asegura Fernández Campa.

O pai, que viaxara ao Brasil a comezos de xuño, tivo con todo PCR negativa, pero a análise serolóxica revelou que tiña anticorpos e, por tanto, xa pasara a enfermidade. Asemade, fíxose un seguimento dos contactos dos infectados que ata o momento permitiu localizar estes nove casos. Continuarán rastrexando máis contactos por se houbese máis contaxiados.

Segundo os datos ofrecidos polo Servizo Galego de Saúde, en Galicia hai 340 casos activos, quedan catro enfermos ingresados nos hospitais e non hai ningún paciente na UCI.