CRTVG

Buscar

Primeiro programa mundial de vacinación contra a malaria

Publicado o 24/04/2019 15:23

Milleiros de nenos van ser vacinados a partir de hoxe en Malawi, país en que botou a andar o primeiro programa mundial de vacinación contra a malaria. Con esta campaña trátase de minorar o impacto dunha enfermidade que mata máis de 400.000 persoas ao ano

España foi pioneira no desenvolvemento da vacina RTS, S grazas a médicos como Pedro Alonso que leva anos traballando na loita contra o mosquito Anopheles e que agora dirixe o Programa global contra a malaria da OMS. Para el o comezo das vacinacións en Malawi converte o de hoxe nun día histórico.

Tras Malawi, a distribución rutineira das vacinas aplicarase en Kenya e Ghana.A vacina inocularáselles a 360.000 nenos dos tres países cada ano coa esperanza de que reduza os casos de malaria nun 40%. E aínda que a vacina ten unha eficacia modesta pode ter un grande impacto.

Nun país que rexistra 6 millóns de casos de malaria ao ano, esta vacina pode previr potencialmente 1 millón deles, asegura Michael Kayange, ministro de Sanidade de Malawi. 200 millóns de persoas sofren cada ano de malaria en todo o mundo pero con especial incidencia en África onde morren 250.000 cativos anualmente por esta enfermidade.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/04/2019