CRTVG

Buscar

Primeiro, o cocido, e despois, a sesta no hotel

Publicado o 20/02/2020 13:58

Curiosa iniciativa, a que ideou un hotel de Santiago. Como cada febreiro, volven celebrar o mes do cocido, pero este ano decidiron inclúir no menú un servizo especial: a posibilidade de botar a sesta nos seus cuartos, despois de tan contundente comida.

Comida que sempre triunfa. "Por que gusta tanto? Porque ten todo o galego, o que está na horta e o que está na casa".

E buscamos na cociña que máis segredos pode esconder tan venerado prato. "Moito agarimo, moito amor na cociña. É o que fai o cociñeiro, estar aí acompañando o produto", explica o xefe de cociña do Gran hotel Los Abetos.

E aquí preguntáronse como superar o insuperable. E partiron dunha realidade destas contundentes comidas:

"Pide durmir un pouquiño. Non sei se será polo cocido ou polo viño".

E aí naceu a idea. Decidiron ofrecer no menú primeiro o cocido e despois unha sesta nos cuartos do hotel.

"Un máximo de dúas horas, pero non pasa nada se son tres. Podémonolo permitir porque temos cuartos dispoñibles, por iso o facemos neste mes", conta o director do hotel.

É a primeira vez que o fan, e dada a acollida din que non será a última vez que ofrezan mesa e cama. "O prezo é de 38 euros".

E con ingredientes a fartar: "Lacón chourizo, orella, espiñazo, cacheira de porca nai, pita vella, fabas, repolo, grelos, etcétera".

Só de pensalo xa dan ganas de botar a sesta.

Noticias web

20/02/2020