CRTVG

Buscar

Primeiro falecido no brote de Lleida, o que máis preocupa dos 73 activos en España

Publicado o 10/07/2020 08:15

Hai máis de 70 brotes activos en toda España.  O máis preocupante segue estando na comarca do Segriá, que contabilizou ademais o primeiro falecido desde o rebrote. De momento, Sanidade non considera necesario ir mais alá porque a epidemia, aseguran, está controlada.

Cataluña, Aragón e Andalucía acumulan máis da metade dos novos casos rexistrados en España. A maioria son brotes pequenos e controlados, por iso Sanidade considera que as medidas que están adoptando as comunidades autónomas son suficientes.

"Non é necesario ir máis alá", asegura Fernando Simón. "O Ministerio de Sanidade só actuará cando sexan contaxios comunitarios claros".

Só a comarca do Segriá é aínda unha incógnita. Nas últimas 24 horas sumou 46 positivos e rexistrou o primeiro falecido por coronavirus desde o rebrote. A maioría son traballadores temporais dunha empresa hortofrutícola.

A situación nos servizos sanitarios permanece estable, pero estes seguen en tensión, pendentes de que se poida producir unha explosión de casos. Agora hai máis de oitenta persoas ingresadas nos hospitais da zona. Non está claro que estea controlado o brote, e a maior parte dos afectados son temporais do sector hortofrutícula.

Fernando Simón di que a alimentación é un servizo esencial e non se poden pechar esas empresas, por iso non descarta novos brotes.

Cataluña viviu este xoves o primeiro dia do uso obrigatorio da máscara. A pesar das ameazas de sanción ainda son moitos os que ignoran a prohibición. Pero son mais os que acatan, escépticos ou convencidos, a medida.

A obrigatoriedade de usar a máscara en espazos publicos abertos estenderase tamén ás Baleares, onde máis do 80 % dos casos detectados son asintomáticos. O Ministerio e as autonomías traballan na unificación de criterios no uso das máscaras. Foi Estremadura quen pediu no consello interterritorial que sexa obrigatoria en toda España aínda que se manteña a distancia de seguridade.

O mesmo perfil que o dos brotes de Lleida dáse na veciña Aragón, que foi a comunidade que máis casos novos detectou, 59. Con todo, a situación alí xa non se considera preocupante, como si que o era hai unha semana. En toda España notificáronse 241 contaxios máis.

Arestora hai 73 brotes activos en todo o estado con circunstancias variadas. Navarra notificou un foco entre os asistentes a unha voda en Tudela, Andalucía agora ten 18, o último nunha empresa de Almería, e Madrid é a cuarta autonomía en número de novos contaxios pero sen detectar abrochos relevantes.

Noticias web

10/07/2020