CRTVG

Buscar

Primeiro día sen bares nin comercio en Italia

Publicado o 12/03/2020 14:19

En Italia, sesenta millóns de cidadáns enfróntase a unha nova xornada de illamento domiciliario, con restricións aínda máis duras da mobilidade. O Goberno decretou o peche de todos os negocios, bares incluídos, e só permite saír á rúa para mercar alimentos e medicinas.

Xa case nin os gatos miañan nas rúas de Roma, cada día máis baleiras. Na capital de Italia, coma no resto do país, subiron hoxe un chanzo máis nas medidas de control do coronavirus. O Goberno decreta o peche de toda actividade comercial. Xa só se pode saír ao supermercado ou tendas de alimentación, farmacias ou parafarmacias. E calquera paseo esixe manter as distancias.

Os bares, que ata agora podían abrir seis horas, quesan clausurados. Os seus propietarios pregúntanse que van facer cos traballadores. Pero non haberá desabastecemento e calquera poderá saír a mercar, garante o primeiro ministro nunha mensaxe ao país desde a súa propia residencia.

"Pedimos hoxe distancia, para poder darnos mañá un abrazo máis caloroso", di. A unha sociedade cada vez máis consciente da importancia de evitar o colapso do sistema sanitario para poder atender os máis vulnerables.

César Zuazua, traballador galego en Florencia, explica que para el "sería moito máis doado coller un voo, estar coa familia e pasar a corentena con eles; pero hai que pensar un pouco nas persoas que si son propensas a ter problemas con este virus".

Mantéñense os servizos de transporte, pero os movementos sempre con control policial.

Noticias web

12/03/2020