CRTVG

Buscar

Primeiro día para o rexistro horario obrigatorio nas empresas

Publicado o 13/05/2019 18:41

Este luns é o primeiro día laborable en que as empresas teñen que levar, obrigatoriamente, rexistro horario da xornada dos traballadores. A maioría das grandes compañías xa tiñan implantado sistemas de control, polo que son as pequenas e as medianas empresas as que máis dúbidas teñen sobre esta norma.

Por recoñecemento do iris ou da pegada dactilar, son moitos os sistemas dispoñibles para rexistrar, cando menos, o horario de entrada e o de saída de cada traballador. Hoxe, moitas pequenas empresas optaron por facelo de xeito manual.

"Empezamos por papel e cando o teñamos instaurado, despois abrirnos e facelo dixitalmente, aínda que sexa por comodidade, porque isto leva unha carga administrativa importante, di o empresario Germán Catoira.

As empresas terán que conservar todos os datos durante catro anos e poñelos a disposición dos traballadores, dos sindicatos e da Inspección. Se imcumpren, as multas van dos 600 aos 6.000 euros. Os autómos e as pequenas empresas atopan dificultades en certos casos. 

"No transporte de mercadoría por estrada, un traballador, por exemplo, sae das nosas instalacións un luns pola mañá e volve entrar o venres. Iso dificulta moito o rexistro da xornada", conta Ana Prego, de APE-Galicia

O Ministerio de Traballo di que será flexible nestes primeiros meses.

"A inspección vai actuar, pero se chega a unha empresa e lle din que están nestes momentos en fase de negociación, darase unha marxe de manobra dentro do respecto ao cumprimento da lei", asegurou a ministra Magdalena Valerio.

O Goberno quere así evitar a fraude. Segundo datos do INE, case a metade das horas extra que se fixeron en España no primeiro trimestre do ano non se pagaron nin se cotizou por elas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/05/2019