CRTVG

Buscar

Primeiro día de precampaña en Valencia con críticas ao adianto electoral

Publicado o 05/03/2019 15:37

Primeiro día de precampaña en Valencia, onde o presidente Ximo Puig decidiu adiantar as eleccións autonómicas ao 28 de abril, coincidindo coas xerais. Fronte ás críticas dos seus socios de goberno, hoxe volveu defender a convocatoria. Desde Compromís manteñen que é un erro pero aseguran que non pon en perigo futuros pactos.

O presidente da Generalitat valenciana xustifica o adianto electoral na necesidade de consolidar o autogoberno, avanzando na adaptación ao resto das comunidades históricas. Di Ximo Puig que é a fórmula para visibilizar no resto de España o chamado "problema valenciano".

Ximo Puig, presidente da Generalitat valenciana: "Unhas eleccións xerais e ás Cortes valencianas dannos unha visibilidade grande. De feito, estámolo vendo nas últimas horas e vai ser así. E haberá tempo tamén para unha parte de espazo propio".

As explicacións de Puig non convencen o seu socio de Goberno, contrario ao adianto electoral. Compromís recoñece unha discrepancia forte, pero nega que poña en perigo a reedición de pactos co PSOE.

Joan Baldoví, Compromís: "De xeito categórico e rotundo dicimos que si. Os gobernos de progreso poden volver a repetirse en Madrid e en Valencia".

PSOE e Compromís comezan esta precampaña reivindicando os logros conseguidos xuntos nesta última lexislatura.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/03/2019