CRTVG

Buscar

As boas condicións atmosféricas adiantan a chegada de cetáceos a Galicia

Publicado o 24/05/2019 16:48

As condicións atmosféricas propician que este ano se adiantara a chegada de baleas a Galicia para alimentarse. Os biólogos do Instituto de Investigación de Cetáceos, BDRI, avistaron esta semana un exemplar.

É unha cría de rorcual común aproveitando a riqueza de alimento que lle ofrece o mar de Galicia. Vírona o luns na zona da Arousa, segundo conta o director do Instituto de Investigación para o Estudo dos Cetáceos. O innovador é que este ano chegaron antes do habitual. E débese a isto.

Bruno Díaz López. Biólogo director do Instituto para o Estudo da Biodiversidade Mariña, BDRI:
"Principalmente o afloramento costeiro, a riqueza das nosas augas, que nestes días xa contaban con pequenos crustáceos, unha especie de camarón que é o alimento destes animais. Polo tanto, xa están nas nosas augas, principalmente polo vento tan forte dos nordés que tivemos, cos anticiclóns nos meses anteriores estaría entrando o afloramento costeiro, a riqueza das nosas augas".

O director do BDRI describía o rorcual avistado que marca o inicio desta campaña no referente como un exemplar noviño e, polo visto, moi agudo para aproveitar os beneficios do nordés.

"O vento do nordés provoca que as augas profundas xurdan cara á superficie e facilita que se enriqueza de materia orgánica, o que permite un crecemento moi interesante e importante do plancto mariño que vai permitir que despois as baleas teñan alimento. Esta será unha cría de poucos meses de idade, arredor dos 6, 7 ou 8. Un exemplar que acaba de independizarse e comezou a explorar o mundo cara ao norte buscando zonas de alimentación. Pouco a pouco chegarán os máis grandes, pouco a pouco tamén haberá máis alimento e maior cantidade que os atraia vir comer a augas galegas".

Volver encontrar algunha balea azul no mar de Galicia está entre os obxectivos deste instituto do Grove para confirmar que estes animais nos visitan máis regularmente do que pensamos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/05/2019