Nadia Calviño asegura que algún país non votou como prometera
Primeiras valoracións de Nadia Calviño tras perder por un voto a presidencia do Eurogrupo. A vicepresidenta terceira e ministra de Asuntos Económicos asegura que algún país non fixo o que prometera.
Non quere falar de traizón nin especular con nomes, pero Nadia Calviño lamenta que algún dos apoios comprometidos se trasladase finalmente ao candidato irlandés. Paschal Donohoe finalmente gañou pola mínima na segunda rolda dunha votación secreta, e presidirá o Eurogrupo. A vicepresidenta económica agradece o apoio de países como Alemaña, Francia, Italia e Portugal, e di sentirse moi apoiada por todo o executivo. Calviño cre que o fracaso da súa candidatura non vai influír na negociación do fondos de reconstrución europeos.
España perde a presidencia nun momento duro para as negociacións do fondo de recuperación.
Charles Michel propón reducir o presuposto da Unión Europea un 2%. Tamén se van manter os descontos para os países que máis achegan ao presuposto comunitario, Holanda, Dinamarca, Suecia, Austria e Alemaña, que achegan máis do que reciben. As negociacións complícanse para os países do sur, entre os que está España.