CRTVG

Buscar

Primeiras declaracións de Smólov en Vigo: "Boto de menos o fútbol. Estou contento de estar aquí de volta e agardo ansioso volver á competición"

Publicado o 05/05/2020 13:37

• Entrevista en exclusiva para Televisión de Galicia

Con nocturnidade manifesta, pero sen pasar tan desapercibido como cando marchou o pasado cinco de marzo de Vigo sen permiso do club. Así chegaba Fedor Smólov esta pasada noite, e con fame de fútbol, disque.

"Boto de menos o fútbol. Estou contento de estar aquí de volta e agardo ansioso volver á competición".

O dianteiro ruso leva no Celta dende mediados de febreiro e xogou coa camisola celeste os sete partidos ata a paralización do campionato pola declaración do estado de alarma. A pandemia da COVID-19 foi a culpable da súa súbita marcha a Rusia.

"A situación realmente non é boa. Hai que agradecer moito o traballo dos médicos coidando a xente, que é o máis importante. A saúde das familias, dos nenos".

O Celta non anunciou a apertura de expediente disciplinario ningún ao xogador e parece darse por satisfeito coas explicacións que vía redes sociais deu Smólov. O xogador agarda que a volta do fútbol, e os seus goles se acaso, sirvan para que a xente se esqueza do seu acto de indisciplina e do coronavirus.

"A xente necesita un incentivo, distraerse e pensar noutra cousa que non sexa o coronavirus".

Segundo puido confirmar Televisión de Galicia, Pione Sisto tamén está de volta xa en Vigo tras fuxir a Dinamarca e pedir desculpas. Tanto el como Smólov deberán pasar agora unha obrigada corentena de quince días antes de tornar aos adestramentos.

Noticias web

05/05/2020