O ocio nocturno reabre coa ilusión dos clientes e a precaución do sector
• Feijóo agradece a "paciencia e a profesionalidade" do sector
• A policía tivo que desaloxar a entrada dunha discoteca en Santiago
Primeira noite de ocio nocturno a medio gas; podía abrir ata as tres da madrugada, pero foron moitos os que decidiron adiar o inicio da actividade. Na rúa houbo momentos de aglomeración e incluso intervencións policiais, como ocorreu en Santiago de Compostela. Tras quince meses sen traballar, os hostaleiros desconfían de que o aumento dos contaxios entre a xente nova os devolva en pouco tempo á situación anterior: o peche.
Catro patrullas da policía interviñeron ás portas dun establecemento compostelán para evitar as aglomeracións nos exteriores. Os potenciais clientes foron desaloxados antes das doce e ao final a discoteca decidiu non abrir. Foi un dos incidentes desta primeira noite de lecer nocturno en case toda Galicia.
"Eu estoupaba, non podía máis, estaba desexando saír", contaba un mozo. Cumpríronse as normas fóra e no interior dos locais. Houbo que reforzar persoal para controlar os accesos. A toma de datos ralentizou a entrada, polo que se viron aglomeracións ás portas dos establecementos.
"A xente estase apelotonando nas rúas e indo dun local a outro porque se están cumprindo os aforos, hai medidores CO2, estánse pedindo os datos á xente que entra, estase cumprindo todo", explicaba Lucía Vázquez, Presidenta da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela.
A normativa vixente establece a responsabilidade dos locais tamén no seu exterior para que a xente non se amoree á entrada ou á saída. Teñen que ter un rexistro de clientes, co número de teléfono incluido, e gardalo 28 días. No interior permítese unha afluencia máxima da metade; no exterior, as terrazas poden estar ocupadas ao cen por cen, todos sentados, mantendo as distancias, e non se pode consumir en barra. Pódese usar a pista de baile, pero debe haber dous metros cadrados por persoa. Sempre, coa máscara posta.
Malia a ansia dos potenciais clientes por saíren de noite e exprimiren o horario permitido, ata as tres da madrugada, o certo é que gran parte do sector decidiu non abrir, a pesar de levar 15 meses pechado. En Vigo, asociacións do sector calculaban que só o vinte por cento abriría e que agardarán a mediados de mes tamén para ver como avanza a curva epidemiolóxica e as medidas que se vaian decretando. En xeral, o lecer nocturno desconfía das consecuencias na súa actividade da suba de contaxios entre a xente nova dos últimos días, nomeadamente por mor do gromo de Mallorca, que xa atrasou a apertura en Pontevedra.
Noutras localidades con restricións específicas en vigor tampouco puideron volver. Na Coruña si o tiñan permitido, pero foron poucos. En Santiago, moitos locais pechados esta noite e moita xente na rúa.
Á hora do peche houbo que botar a xente fóra, a noite soubo a pouco. Hai quen o tomou con resignación e responsabilidade. "Hai que ser responsables, cada un para a súa casa", "Hai que colaborar coma toda a sociedade, pois si teño que marchar ás 3 da mañá, pois marcho", falan uns mozos.
Non todos fixeron o mesmo. "Estamos vendo a ver que pasa e se nos xorde algunha festa nalgunha casa, pois imos, e senón para a casa", di un mozo.
Esta noite de bares e discotecas supuxo o arranque dun verán cheo de incógnitas e moitas dúbidas para o sector máis castigado polas restricións da pandemia.