CRTVG

Buscar

Primeira derrota do Lugo a domicilio, que o manda a postos de descenso

Publicado o 27/10/2019 15:12

Tivo o Lugo a primeira derrota a domicilio, malia que a fortuna lle deu vantaxe no marcador xa nos primeiros compases do partido. Corría o minuto 13 cando o defensa do Numancia Álex Sola introducía na propia portería un balón botado dende o recuncho. E máis que servirlles aos galegos para afianzar o resultado, o gol espeliu os locais. No minuto 22 lograban o empate, tras un disparo do propio Sola, que rexeita o porteiro, pero que no medio do barullo recolle Curro para anotar. A igualada desfíxose á volta do descanso. Tres minutos despois da continuación, o árbitro sinala penalti tras esta xogada. Non aprecia falta a Campadabal, pero si interpreta que Peybernes obstaculiza o remate de Escassi. Curro, de novo, puxo por diante o Numancia.

Saíu moi tocado o conxunto de Eloy Jiménez deste lance, que pola contra lles deu novos folgos aos sorianos. Dispuxeron de ocasións claras para aumentar a vantaxe, coma estes dous lanzamentos ao pau. O Lugo tivo algunha oportunidade de empatar, foi nos pés de Gerard Valentín que acababa de entrar por Seoane. Pero o Numancia estaba con fame e a dez minutos do final sentenciou o partido co terceiro gol, obra de Guillermo.

Tres goles recibiu o Lugo en Los Pajaritos, tantos como en todas as saídas anteriores. Remata a xornada en postos de descenso, fiando a recuperación á fortaleza na casa. O Raio Vallecano porá a proba o argumento.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/10/2019