Primeira derrota da temporada do Deportivo no campo do Unionistas (2-1)
Quiles marcou para os coruñeses, pero os salmantinos remontaron xa no primeiro tempo
A Primeira Federación vai ser longa para todos. Tamén para un Deportivo que perdeu a súa condición de invicto e imbatido ante o meritorio novo líder da categoría, un Unionistas de Salamanca que reaccionou ben ao gol inicial do seu rival e que despois defendeu con acerto a súa vantaxe. Todo parecía ir ben para o equipo coruñés cando Alberto Quiles facía o cero a un no minuto quince. Nova mostra da calidade do dianteiro andaluz para poñer por diante os de Borja Jiménez nun campo Raíña Sofía que rexistrou un ambiente espectacular.
Pero o Unionistas demostrou que non estaba nos postos sobranceiros de casualidade. Nunha grande acción individual, José Salinas facía todo un golazo para empatar no minuto 22. Primeiro tanto apañado por Ian Makay nesta liga. E a xogada fíxolle dano ao Deportivo, que sufriu moito nos seguintes minutos. Tanto, que pouco despois recibiría o segundo golpe. O remate de Espina situou no marcador un dous a un que xa sería definitivo. O Unionistas aproveitou o seu momento no encontro para poñerse por diante e apenas sufrir no resto do choque. De feito, Makay evitou un terceiro tanto nos últimos intres dun primeiro tempo que terminou cun remate co calcaño de Miku en inmellorable posición.
A segunda metade foi un exercicio de impotencia ofensiva dun Deportivo que apenas creou perigo. Un remate de Menudo foi do pouco a rescatable logo do paso polos vestíarios. Adeus ao liderado para os coruñeses, que agora son segundos a un punto do seu rival de hoxe.