CRTVG

Buscar

Prevese unha caída na produción de mazá de sidra do setenta por cento

Publicado o 10/06/2020 13:27

"Isto, e estamos en xuño. Xa tiña que estar callado e...". Onde tiña que haber unha mazá, aínda hai flor. O técnico de Ullama, Miguel Soto, amósanos unha proba de como as circunstancias atmosféricas condicionan a produción ecolóxica desta froita destinada a sidra.

O prexuízo empezou co inverno pouco frío que tivemos: "Non houbo horas de frío e a árbore non reservou enerxía. Despois chegou a primavera cun marzo bastante caloroso que adiantou un pouco a floración. E o mes de abril, que foi irregular, tirou coa flor e prexudicou as árbores".

Haberá que agardar a evolución ata a colleita en outubro e novembro. Pero isto, engadido a que estamos en ano veceiro, en que baixa a produción, leva a considerar que haberá unha caída importante.

Soto explica: "Co tema da veceira tiñamos que andar nun corenta ou cincuenta por cento do ano pasado. Calculo que vai ser menos; sobre un trinta por cento do que foi o ano pasado".

Por desgraza, o clima está a facer máis dano cando é ano veceiro. Non sei por que, pero coincide así. Cada dous anos as peores primaveras están vindo cando menos hai. Era preferible que fora nos anos impares, que é cando as árbores cargan, pois xa facía un aclarado natural. Pero as irregularidades están a manifestarse máis nos anos pares, que é cando non interesan".

Isto suporía unha colleita de medio millón de quilos na área da Estrada fronte ao millón e medio do ano pasado. E a perspectiva é similar no resto das zonas de produción de Galicia. Están pendentes da ameaza que supoñen as pragas para estas froiteiras; co verme da mazá que pode volver atacar máis a praga zéuzera.

Noticias web

10/06/2020