CRTVG

Buscar

Prevención en setembro para evitar unha sexta onda no Outono que se cebaria nos non vacinados

Publicado o 06/09/2021 14:43

Este mes de setembro vai ser determinante para marcar o signo á última etapa da pandemia. A receita dos expertos é reducir ao mínimo as incidencias nestas semanas e manter escrupulosamente os protocolos nas escolas, que é onde agora se vai concentrar o sector da poboación sen vacinar. Para os menores de 12, as vacinas estanse investigando pero non se esperan ata finais de ano.

Entrementres, sabemos que os vacinados se contaxian un 90 % menos e que, se contraen a covid−19 por algún problema de inmunidade, transmítena doce veces menos e sofren consecuencias moito menos graves. Pero claro, o risco non é cero ata acadar un volume de vacinación que sexa practicamente total.

Os datos son moi positivos, pero os expertos piden evitar de momento triunfalismos. 

Juan Gestal, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública, cre: "Estamos nun momento crucial, coa volta dos alumnos á clase e as incidencias aínda altas nas faixas de idade dos menores de 30. Tamén é o retorno das vacacións, de xente que puido estar en contacto co virus e pode haber asintomáticos que transmitan. E tamén está a piques de comezar o outono, que é unha época máis favorable para a transmisión. Así que, hai que extremar a prudencia".

A próxima vaga —espérase que menor e con menor presión nos hospitais por efecto das vacinas— será, din os expertos, a onda dos non vacinados. "Os que non se vacinaron deben vacinarse canto antes porque a variante delta ten unha capacidade especial para andar buscando os non vacinados, que son os que fundamentalmente vai atacar", di Gestal. Vacinar nos países pobres para evitar mutacións que poidan conseguir un maior escape de vacinación é o novo reto. "Temos que compartir as vacinas cos países menos favorecidos e que teñen menos recursos", asegura.

Mentres, Galicia avanza na vacinación da poboación diana total. Os maiores de 12 anos teñen esta semana 50.000 prazas que poden solicitar por autocita na web ou na aplicación do Sergas para os días 7, 10 e 11 de setembro.

Noticias web

06/09/2021