CRTVG

Buscar

Prevén usar sangue de pacientes recuperados para frear a COVID-19

Publicado o 26/03/2020 17:16
Prevén usar sangue de pacientes recuperados para frear a COVID-19

A multinacional catalá de derivados do sangue Grifols prevé iniciar en abril un ensaio clínico, en colaboración con hospitais españois, con plasma de pacientes recuperados da COVID-19 para tratar de frear a evolución desta enfermidade en pacientes graves.

O presidente da área industrial da división Bioscience de Grifols, Eduardo Ferreiro, explicou que esta semana se presentou o ensaio clínico á Axencia Española do Medicamento e que prevén obter a autorización "en breve".

O obxectivo do ensaio clínico, no que participarán uns 100 pacientes, é usar o chamado plasma convalecente, é dicir, o obtido de persoas que se recuperaron da COVID-19, para, unha vez  inactivado, transfundilo a pacientes graves coa idea de "reducir o curso da enfermidade".

Grifols, que lidera este ensaio clínico xunto a investigadores, centros de transfusión e hospitais españois, busca actuar "pola vía rápida", dado que España está "en pleno brote" de coronavirus.

Pola súa banda, Herrero explica que a idea é que a partir da "semana que vén" se poida empezar xa a recoller plasma de pacientes que superaron a COVID-19.

Unha vez obtido, o plasma -que é a parte líquida do sangue- sería trasladado desde os hospitais ás instalacións de Grifols en Cataluña, onde a multinacional se encargaría de inactivalo de calquera patóxeno coa técnica do "azul de metileno", que esta compañía catalá leva décadas usando con éxito.

A partir de aí, o plasma devolveríase aos hospitais para que se fixesen transfusións a estes 100 pacientes durante 29 días e iríanse analizando os resultados, incluso os de tipo parcial, para axilizar ao máximo a obtención de conclusións.

A hipótese de traballo da multinacional é que ao transfundir este plasma a pacientes graves pódese frear a evolución da enfermidade e así tratar de evitar, por exemplo, o colapso das UCI dos hospitais.

Herrero precisou que "se todo vai ben o ensaio poderíase empezar a mediados de abril (...) e dispoñer de resultados en xuño ou xullo", pero deixou claro que os tempos dependerán da evolución da enfermidade e marcaraos a Axencia Española do Medicamento.