CRTVG

Buscar

Prevén que a Virxe do Sar estea restaurada en febreiro

Publicado o 24/11/2020 14:21

A escultura da virxe atopada no río Sar o pasado mes de xuño está case limpa. A primeira fase da restauración rematou e queda a segunda, que consistirá basicamente en secala. Os traballos son moi delicados porque a peza ten fendas que poderían ocasionar desperfectos importantes. 

Os restauradores traballan desde o verán na limpeza da Virxe, que estaba cuberta de algas e limos e tiña particulas incrustadas. Consideran que a peza, do século XIV, está en bo estado xeral, malia que supostamente estivo moito tempo na corrente. Aínda así, a segunda fase da restauración, o secado, vai requirir coidados especiais para evitar estragos nas partes máis danadas.

"Ten unha fendas preocupantes na cara dun dos anxos e se o secado non se fai gradualmente temos medo que lle poida afectar. Ten unhas fisuras realmente serias. Pode chegar a romper, de feito está rota xa, e queremos asegurar que non haxa máis traumatismo nesa zona", di o restaurador José Aguiño.

Para traballar con máis seguridade, están a facer estudos que proporcionen información sobre o comportamento da pedra.

"Hai que facer estudos previos, probas, porque non se pode arriscar en ningún caso. Tivo que buscar, o restaurador, pedras similares para facer o estudo previo do secado. Con esa pedra similar métea en auga e vai estudando como pode ser a desecación gradual", explica Roberto Pena, xefe do Servizo de Arqueoloxía da Consellería de Cultura.

Prevén que a escultura estea completamente restaurada entre xaneiro e febreiro. Atopada por un pescador no río Sar ao seu paso polo barrio compostelán de Conxo, a peza expoñerase despois no Museo das Pregrinacións de Santiago.

Noticias web

24/11/2020