Preto de oitocentos peregrinos recolleron a compostela durante esta fin de semana
Un grupo de amigos das Canarias recollía a compostela esta mañá. Desta volta viñeron pola ruta portuguesa, pero son habituais do Camiño, sempre por estas datas. E isto foi o que encontraron este ano.
"Hai moitísimos albergues pechados pero pouco a pouco a alegría da xente vaise notando", asegura un dos peregrinos, que engade: "Botamos en falla a afluencia de peregrinos que hai noutros anos".
Moitos albergues e negocios pechados. Pero o Camiño vai collendo ritmo. Durante esta fin de semana máis de 800 persoas recolleron a compostela. A peregrinación deste ano santo adquire un significado especial.
Unha das peregrina relata así o camiño: "O que si me emocionou foi a a alegría da xente polos pobos polos que fomos pasando, a alegría coa que nos recibían. A xente está esperando aos peregrinos, a peregrinaxe é para os peregrinos e para quen vive nas vilas algo moi moi importante".
Importante tamén para o sector da hostalería e a restauración, onde advertiron esta fin de semana un maior movemento de peregrinos e turistas en xeral.
José Avelino Martínez, socio xerente da Casa de Xantar Dezaseis, relata que "o sábado pola noite o que se notou foi que xa había bastante turista. Non foi un día esaxeradamente laborioso pero sí que se notou xa esa afluencia de turista de fin de semana".
Pouco a pouco a paisaxe de Santiago vai recuperando estas escenas.