CRTVG

Buscar

Preto de 400 estudantes participan en Ferrol na First Lego League

Publicado o 15/02/2020 15:45

O Auditorio de Ferrol acolleu este sábado a final galego-asturiana da Fisrt Lego League. O certame, de ámbito internacional, busca espertar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre estudantes de catro a dezaseis anos.

En dous minutos e medio o robot, deseñado por cada equipo, debe completar as trece misións propostas. Teñen tres intentos para demostrar o traballo feito durante meses.

Na categoría raíña, dos 10 aos 16 anos, compiten 29 equipos de centros escolares galegos e asturianos. Os dous gañadores pasarán á gran final que se celebra en Tenerife no mes de marzo. Ademais da proba do robot, deben facer fronte ao desafío que cada ano xira arredor dunha temática diferente.

Os equipos da categoría júnior, dos seis aos nove anos, tamén responden ao desafío con proxectos máis sinxelos.

E, por primeira vez e sen competir, acoden ao certame menores de seis anos coas súas ideas de futuro. En breve, de seguro que se apuntan ao certame oficial con robots máis sofisticados pero coas mesmas ganas de aprender ciencia e tecnoloxía.
 

Noticias web

15/02/2020