CRTVG

Buscar

Presumen nas redes do chalé de luxo que ocuparon ilegalmente na Coruña

Publicado o 30/05/2020 21:23

Os ocupantes ilegais instalados no chalé presumen así nas redes sociais dos luxos da vivenda.

"Que che parece? Temos planta baixa, o noso pedazo de cociña".

"A chulería de colgar un vídeo en Internet, presumindo da ocupación, ten os veciños indignados", di o presidente da Asociación de Veciños A Zapateira.

"Arriba o jacuzzi", continúa o vídeo.

"Son vivendas que rozan os 800.000 euros. Non estamos falando de que esta xente teña problemas de habitabilidade", di o representante dos veciños.

"Vouche ensinar o andar superior...", segue explicando o ocupante ilegal.

"A xente está preocupada por se vas á aldea ou á praia e ocupan a túa vivenda e non hai armas legais para botalos", laméntase Juan Manuel Sánchez.

"Este é o meu baño", indican no vídeo.

De feito, temeron o efecto chamada.

"Van pasando os días e parece que non se está a dar esta circunstancia, pero é moi difícil desocupala", puntualiza Sánchez Albornoz.

A vivenda, que fora embargada, é propiedade dun banco, que denunciou a situación. Os veciños tamén avisaron a policía.

"Intentaron a desocupación, pero precísase unha orde xudicial e é moi complicado nestes momentos", di o presidente da asociación de veciños.   

"Co roupeiro máis grande que viras", non deixa de relatar o ocupante.

Canda esta vivenda tamén foi ocupada outra próxima, pero por unha familia con dificultades, que quedou en mans dos Servizos Sociais.

"Esta é a nosa terraza privada cunhas pedazo de vistas", segue o vídeo.

Os veciños da Zapateira desexan que a xustiza non tarde en resolver estoutro caso e piden maior control policial na zona.

Noticias web

30/05/2020