CRTVG

Buscar

Preservar os espazos verdes para as vindeiras xeracións é o lema do Día Europeo dos Parques

Publicado o 24/05/2021 20:19

Preservar un país máis verde para as vindeiras xeracións. Foi o lema elixido este ano para o Día Europeo dos Parques Naturais. Galicia cun Parque Nacional e seis Parques Naturais, un deles este onde nos atopamos, o complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán, é unha rexión referente en Europa. Para Medio Ambiente, a idea é seguir traballando en dúas direccións para mellorar e conservar o patrimonio natural que atesoura a nosa comunidade.

Por un lado continuar facendo actuacións para garantir visitas responsables a estes espazos  e por outra banda acabar de elaborar os plans reitores de usos e xestións. Díxoo a conselleira Ángeles Vázquez na conmemoración deste día hoxe no Parque Natural do Invernadeiro. O Invernadeiro son case 6.000 hectáreas no Macizo Central en que con sorte podemos ver rebezos, cervos, cabras montesas e unha chea de aves rapaces coma este azor soltado hoxe. De ser industria de Papelera Española e refuxio de caza, foi declarado Parque Natural en 1997.

No Invernadeiro hai seis rutas, un anaco da de Aceveda percorrérono hoxe responsables de Medio Ambiente para celebrar o Día dos Parques Naturais...
 Cunha idea central, preservar estes espazos verdes para as vindeiras xeracións.

Dende a declaración do primeiro Parque Natural, Monte Aloia, Galicia sumou cinco máis. Ecosistemas que coa pandemia convertéronse aínda máis en refuxios e lugares de lecer.

Noticias web

24/05/2021