Preséntase a 'saqueta emocional' para facer máis levadeiros os ingreso pediátricos
As rutinas das aulas hospitalarias axudan a sobrelevar o ingreso de menores de seis a dzaseis anos. Non todo é estudar, tamén aprenden a xestionar as emocións xeradas polo obrigado cambio de vida. Desde hai sete anos, nelas celébrase o Día do Neno Hospitalizado, que no servizo de pediatría do hospital de Ourense está a ser especial, cun vídeo musical e un almorzo festivo.
"Sorprendemos os nenos cun almorzo especial, diferente, biscoito e bicos de cartulina, elaborados por eles e a mestra da ciberaula", conta Montse Padrón, supervisora de Pediatría do CHOU.
Segundo Santi Fernández Cebrián, xefe da mesma unidade, "contribúe a humanizar os hospitais, lugares que son incómodos para os nenos. Temos que intentar facer a súa estadía o máis agradable posible".
Daí naceu "a saqueta emocional", presentada este xoves. É un proxecto da aula do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol que materializaron os alumnos do IES Leixa.
Agocha xogos de mesa como un labirinto das emocións ca alta médica como meta, canda actividades para expresar os sentimentos mediante palabras ou debuxos e un Dicionario estrafalario, no que definir os conceptos médicos como os ven eles. Familias e amigos tamén entran na saqueta.
"Poden xogar cos nenos nas habitacións, por eso están dotadas dunha pequena ferramenta, dun minilibro nesta ocasión plastificado para que poida ser desinfectado e así, a modo de préstamo, as mestras das escolas cederllos a esas familias", asegura Pilar Porta, mestra da Aula Hospitalaria do Arquitecto Marcide de Ferrol.
As primeiras saquetas emocionais saíron xa para as aulas hospitalarias de Lugo e Ourense. Axiña estarán nas catro restantes. A todas ha chegar tamén o que intenta transmitir o vídeo do CHOU: o desexo de restablecemento e os miles de bicos de apoio de toda a sociedade.