CRTVG

Buscar

Presentan unha guía do Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil

Publicado o 16/03/2019 15:00

Manuel Vilar, autor de "De Santiago a Muxía por Brandomil": "Estamos ao pé dun castro e ao pé dunha ponte de orixe romana. É dicir aquí se encontran inscricións que non se encontran noutros sitios, porque está nunha zona que controla a unha parte importante dunha mineiría que había aquí de metais preciosos, sobre todo de ouro, que era moi importante para Roma. Fixen un traballo, digamos de a pé, de falar con toda a xente maior, que cada vez hai menos, que nos conte contos e por exemplo aquí estamos sobre un camiño que dicían que si pisamos forte, pois os de abaixo protestan. Un xeito digamos de entender e interpretar a historia dunha maneira distinta ao que facemos actualmente e oficialmente".

"De Santiago a Muxía por Brandomil" é unha guía pola ruta milenaria que pasa por Seoane, Fontecada, A Pereira, Antes, Baíñas e Berdoias. Na ponte de Brandomil comezaba esta loita da Asociación Cultural Grandimirun, que culmina coa presentación do libro de Manuel Vilar. A pretensión é sempre contar as historias que transcorren por esta parte do Camiño e axudar aos peregrinos.

María Martínez, presidenta da Asociación cultural Grandimirum: "Todo comeza coa Asociación Grandimirum, fai ao redor a tres anos co interese e coas gañas de recoñecer e de recuperar un camiño histórico. Eu creo que é un recoñecemento simbólico. Nós a nivel administracións tamén estamos traballando, fixemos a petición en Patrimonio, presentamos un informe moi documentado por el. Pero ao final, hoxe, con esta guía o que temos é unha ferramenta para que todos os peregrinos que xa están vindo teñan algo físico".

Segundo o autor, "andar os vellos camiños é reclamar o futuro". Aquí quedan 86 quilómetros cheos de lendas e anécdotas impresas coas pisadas, e agora tamén nunha guía, de centos de miles de camiñantes que viaxaron entre Compostela e a Costa da Morte.
 

Noticias web

16/03/2019