CRTVG

Buscar

Presentan en Santiago unha guía para que os médicos de familia combatan as falsas crenzas no ámbito da saúde

Publicado o 16/05/2019 16:48

Nin as vacinas producen autismo nin un derivado da lixivia é capaz de curalo. Non existen superalimentos que preveñan todos os males nin outros que por ser naturais poidan curar un cancro. Parecen obviedades e, con todo, estas mensaxes falsas chegan todos os días a todas horas ás consultas dos médicos de familia.

"O doutor Google está nas consultas cada día, a poboación guíase moitísimo por unha serie de informacións moitas veces sesgadas, cando menos, e moitas veces perigosas incluso", asegura Antonio Fernández, presidente da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia.

Trampas en que caen, en maior medida, persoas con maior nivel de estudos que utilizan as redes sociais, porque Internet e as redes son as principais fontes destas noticias enganosas. Un problema crecente que é moi perigoso porque repercute directamente na saúde pública.

Carlos Mateos, de saludsinbulos.com, asegura que "os pais dos nenos autistas non vacinan os irmáns menores destes nenos, estanos vacinando moito menos ca o resto da poboación; tamén estamos chegando a supostos "superalimentos" que hai xente que abandona tratamentos, está sendo grave, hai pacientes de cancro, por exemplo, que se viu que abandonou os tratamentos".

Un rexurdir do sarampelo ou infinidade de dietas milagreiras son só algúns exemplos das consecuencias de darlles credibilidade a estes enganos. Para combater o problema preséntase esta guía que orienta os profesionais sanitarios.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/05/2019