CRTVG

Buscar

Presentan en Santiago o estudo sobre o xenoma que abre novas vías para o tratamento do cancro

Publicado o 07/02/2020 09:26

• Investigadores galegos comprobaron como os retrotransposóns, unha rexión do ADN que se consideraba inactiva, teñen unha función clave na aparición e desenvolvemento do cancro en humanos

O Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) de Santiago de Compostela albergou este xoves a presentación dos resultados dun estudo sobre o xenoma e as mutacións implicadas na aparición e desenvolvemento de cancros en humanos que abre novas vías á elaboración de tratamentos adaptados para esta mortífera enfermidade. 

O director do grupo Xenomas e Enfermidade deste centro, Jose M. C. Tubío, foi o encargado de expoñer os detalles deste proxecto á audiencia que se congregou esta tarde no edificio, atraída pola relevancia desta investigación resultado do consorcio internacional Pan-Cancro, que durante sete anos implicou preto de 1.000 investigadores de diferentes países. Os resultados desta laboriosa investigación foron publicados onte nas revistas especializadas Nature e Nature Genetics. Nestes traballos recóllese o froito dunha longa análise de mostras de tumores de ata 3.000 persoas e de 38 tipos de cancro distintos. 

Na súa exposición, Tubío explicou que a súa liña de investigación estivo centrada en traballar sobre os retrotransposóns, rexións do ADN relativamente ignoradas ata o momento pola súa suposta inactividade e que -como comprobaron- en realidade cumpren unha función clave na aparición e desenvolvemento do cancro en humanos. Así pois, de acordo co investigador, os retrotransposóns son “parte importante do noso material xenético” e estaban considerados “ata hai non moito” como “ADN lixo” debido á súa “natureza repetitiva e ausencia aparente de funcionalidade”. O concepto era erróneo, advertiu, e fixo que non se profundizase na “función determinante” que cumpren na aparición do cancro. 

Con todo, Tubío e o seu grupo de traballo estudaron estas rexións desde 2010 co desenvolvemento de algoritmos bioinformáticos que lles permitiron descubrir “varios tesouros” recompilados nesta investigación que recolle como cando os retrotransposóns se mobilizan no xenoma tumoral “poden producir enormes perdas de material xenético no punto en que se integran”. Estes movementos ocorren con máis frecuencia nas células tumorais, e os danos causados “poden implicar a desaparición de xenes importantes para manter o funcionamento normal dunha célula”, o cal facilita a aparición do cancro, con especial frecuencia en determinados tipos, como o de esófago, cabeza e pescozo, pulmón ou colorrectal. 

O dito descubrimento -vaticinan- pode ter un “impacto a curto prazo na mellora dos diagnósticos oncolóxicos e no prognóstico sobre a evolución dos pacientes”, e a medio prazo favorecer a aparición de tratamentos adaptados para frear este mecanismo de mutación e previr o cancro. Tubío e o seu equipo seleccionaron, ademais, de entre os preto de 150 retrotransposóns que se activan no cancro, un total de 16 de “especial interese” porque “son moi activos” e causan “máis das tres cuartas partes de todas as mutacións”. 

Durante a súa exposición, o científico galego comparounos cun volcán, xa que poden permanecer silenciados e inactivos durante moito tempo para logo explotar dunha forma moi violenta “e promover decenas ou centos de mutacións no xenoma tumoral”. 

Na presentación desta tarde tamén participou a conselleira de Educación, Universidades e Formación Profesional, Carmen Pomar, que, xunto a outros membros do Goberno galego, quixo felicitar os investigadores por uns avances que poden “abrir moitas portas e moitas esperanzas” aos cidadáns. Do mesmo xeito, quixo defender o compromiso da Xunta coa investigación universitaria e o apoio á carreira dos investigadores, ao destacar os 18 millóns de euros que a Administración autonómica inviste nos oito centros de investigación destacados que existen en Galicia. Deles, 960.000 euros serán destinados este ano 2020 ao CiMUS, que recibirá un financiamento público de preto de tres millóns de euros ata o 2022.

Presentan a achega dos investigadores galegos ao mapa do xenoma do cancro

Nunca antes se avanzara tanto no debuxo do mapa xenético do cancro. Mil investigadores de diferentes países traballaron durante anos en 3.000 mostras de 37 tipos de tumores. E descubriron moitas mutacións, as rutas e atallos que colle o cancro para estenderse. O equipo galego do CIMUS centrouse na investigación do material xenético que, por considerarse residual, non se tivera en conta antes.

"A nosa contribución fundamental foi atoparmos que lonxe de ser material xenético que non vale para nada ten un impacto fundamental nalgúns tipos de cancro", explica Xosé Tubío, director do grupo "Xenomas e Enfermidade" do CIMUS da USC.

Este achado permite saber que o cancro se manifesta ata décadas antes de que dea a cara. E podería resultar clave para tratar tumores colorrectais, de esófago, cabeza e pescozo e pulmón.

"Énchenos moito de orgullo saber que esta investigación vai servir algún día para curar doentes. Estou convencido", asegura Tubío. Agora a ciencia ten máis datos para curar mellor o cancro. Ábrense novos camiños para anticiparse á enfermidade e desenvolver terapias personalizadas .

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí