CRTVG

Buscar

Así é a imaxe dun buraco negro, a primeira tomada na historia

Publicado o 10/04/2019 17:23

A ciencia puido mostrar por primeira vez a imaxe dun burato negro do universo como os imaxinados por Albert Einstein nos inicios do século XX. Había evidencias de sobra da súa existencia, pero nunca antes se convertera en algo tanxible.

Jorge Mira, catedrático de Física da USC: "Todo o mundo ten claro que existen, pero ata hoxe só había evidencias indirectas. Esta é a primeira vez que se ve directamente un burato negro. Non se separa nada das simulacións que estaban feitas en base á teoría da relatividade de Eistein, ata aí ningunha sorpresa".

A auténtica proeza foi o xeito de conseguir a imaxe deste burato negro situado a 53 millóns de anos luz de nós. Construíuse coas captadas durante cinco días completos por oito radiotelescopios situados en outros tantos lugares do planeta. É como se conseguira a imaxe un único telescopio do tamaño da terra.

Jorge Mira, catedrático de Física da USC: "Isto é tremendamente complicado porque teñen que estar totalmente sincronizados. E o que fixeron foi, con reloxos atómicos sacar os datos de cada un dos telescopios, coller ese fichero de datos, levalos ata un supercomputador, metelos todos xuntos e a partir de eses datos todos xuntos, sacar a imaxe. Un proceso que durou dous anos".

Na era da inmediatez, a fotografía dun burato negro que a ciencia acaba de mostrarlle ao mundo fíxose en 2017.
 

Oito españois no proxecto

Oito científicos españois formaron parte do proxecto internacional que desvelou a primeira imaxe real dun buraco negro.

A contribución española baseouse no deseño de varios algoritmos, na organización e configuración do equipamento técnico, así como na realización das observacións desde o radiotelescopio español IRAM de 30 metros, situado en Serra Nevada, Granada.


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/04/2019