CRTVG

Buscar

Gestal: "Cómpre manter a prudencia en interiores pero hai que ir normalizando"

Publicado o 02/10/2021 10:19

A quinta vaga vai chegando á súa fin, segundo mostran os indicadores epidemiolóxicos principais, pero a pandemia aínda non rematou. O catedrático emérito de Medicina Preventiva da USC, Juan Gestal, lembra que "hai fontes de infección circulando" polo que é preciso "manter durante algún tempo as medidas preventivas, sobre todo, nos interiores".

Nunha entrevista no espazo Bos Días da Televisión de Galicia, insiste na necesidade de entrar nos locais coa "máscara ben posta" e tamén de controlar a ventilación e os niveis de CO2 nos establecementos.

Cun 90 % da poboación vacinada, asegura que "a situación pónselle difícil ao virus" pero cómpre ser prudentes para evitar retrocesos. Pensa que a vida se pode ir normalizando pero "non podemos baixar a garda, hai que aguantar un pouco".

Menores de 12 anos

Respecto á situación da poboación menor de 12 anos, aínda sen vacinar, Gestal considera que se abre un período de observación mentres non se aproba a vacina de Pfizer para este colectivo. "Hai que ver que ocorre pero, en principio, non semella que sexa motivo de grande preocupación", apunta.

Segundo salienta, "igual non é necesario vacinar este grupo pero se vemos que as incidencias son importantes", inmunizaríase unha vez a Axencia Europea do Medicamento aprobe o soro.

Lei da pandemia

O catedrático emérito amósase satisfeito coa resolución xudicial sobre o certificado da covid. Porén, considera unha mágoa non ter unha lei da pandemia porque "os xuíces están para administrar xustiza e non para gobernar unha pandemia". 

No que se refire á gripe, que case non circulou durante a pandemia, considera moi importante vacinarse "porque hai que protexerse, non sabemos con que forza" pode chegar.

Noticias web

02/10/2021