Presentación dos actos polo Día das Letras dedicado a Antón Fraguas
Esta mañá presentouse o programa de actos cos que se vai celebrar este ano o Día das Letras dedicado a Antón Fraguas Fraguas. Trátase dun ambicioso conxunto de iniciativas deseñadas pola Xunta, a Real Academia Galega e moitas outras entidades públicas, empresas e grupos privados, para dar a coñecer o insigne profesor cotobadés.
Unha ampla programación de exposicións, iniciativas literarias, deportivas, educativas e musicais, entre outras actividades, servirán para celebrar o Día das Letras Galegas do que este ano é protagonista o investigador Antón Fraguas Fraguas.
A exposición itinerante Antonio Fraguas, memoria dun soño será un dos elementos principais para dar a coñecer este home, ao que a Radio e Televisión de Galicia dedicarán unha chea de programas e especiais, nalgúns casos emitidos desde Cotobade, a súa terra.
Será unha suma de esforzos que terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio.