CRTVG

Buscar

A Revista

Presentación da Revista

Publicado o 20/07/2018 12:32
Moi bos días, Benvidos á Revista. Ás dez e cuarto desta mañá convocuse unha concentración de repulsa contra a violencia machista na Delegación do Goberno da Coruña en resposta ao presunto asasinato dunha muller onte na cidade. Enseguida conectamos coa Coruña para coñecer a última hora sobre este tema. Antes diso cóntolles máis cousas do programa de hoxe.

Imos recibir aquí en directo dous especialistas en conservación e restauración do patrimonio. Con elas descubriremos unha profesión que nos dá cousas tan bonitas e espectaculares como a nova imaxe do Pórtico da Gloria. Que non é nova! É unha recuperación da policromía agachada detrás de séculos de sedimentos debido á polución! Un traballo que levou dez anos, nada menos.

E teremos tempo tamén de contarlles todo o necesario para gozar a tope da segunda edición do festival 17 Graos que se celebra na Ribeira Sacra entre finais deste mes e principios de agosto. Moita música, gastronomía e, por suposto, os viños da viticultura heroica! Entre outros moitos grupos van estar De Vacas, que non fan máis que 'vendimar' éxitos.
E con Octavio Villazala descubrirémoslles hoxe a vida da tartaruga. Coma todos os venres traerá un exemplar da especie protagonista e teremos tempo de ofrecer un canciño en adopción; así que, se busca compañeiro, agarde un cachiño que ten hoxe unha boa oportunidade con garantía nesta Revista.

Pois todo isto e moito máis nesta Revista de venres que comezamos na Coruña.

Ola, Pedro Rielo. Onte a Delegacion do Goberno confirmaba que a morte da muller foi un caso de violencia machista, polo que falamos dun presunto asasinato. Parece ser que o xuíz vai ser quen vaia ata o hospital para regularizar a situación desta persoa, cóntanos.

A Revista

20/07/2018