Preocupan os contaxios nas residencias de maiores de toda España
As novas variantes do virus está multiplicando alarmantemente os contaxios nas residencias de maiores, aínda que, grazas á vacinación, con afectación máis leve. Xa hai máis de mil casos en 300 centros.
Cataluña rexistra as cifras máis elevadas: hai máis de 800 positivos en 175 centros. Nesta quinta vaga faleceron 73 usuarios de residencias.
Preocupa tamén a situación nas residencias da Comunidade de Madrid. Xa superan os 200 casos, así que aprobaron un novo protocolo que recomenda limitar as visitas a persoas coa pauta completa e suspendéronas en oito centros.
Cifras bastante inferiores en Galicia. Detectábanse nas últimas horas cinco novos positivos: dous na residencia Domusvi de Vigo e un na residencia de Chandrexa de Queixa, outro na de Val de Monterrei e outro na de Ribadeo. En total, hai 29 positivos. Nas residencias de discapacidade, 32.
Con este panorama, cada vez máis expertos piden aplicar unha terceira dose da vacina. Se non a toda a poboación, polo menos aos maiores de 60 anos. Pero a OMS xa pediu que se atrase ata que haxa vacinas suficientes para os países menos ricos. De momento, Sanidade non decidiu nada, pero o Consello Interterritorial de Saúde si lle encomendou á ponencia de alertas que propoña novas medidas.