Preocupados os donos das mascotas en Ourense pola aparición outra vez de comida con puntas
Publicado o 08/08/2019 11:30
Preocupación entre os donos de mascotas en Ourense pola aparición novamente de anacos de carne con alfinetes na zona do Vinteún. Atopounos a propietaria dun can na rúa Río Navea. Estaban en tres puntos diferentes. Denunciouno perante a Policía Local.
É a terceira vez que acontece algo semellante. Hai tres meses apareceran anacos de xamón con alfinetes preto do parque canino que hai ao carón da estación de autobuses. Pouco despois foran lambetadas para cans atravesadas tamén con obxectos punzantes.
As forzas de seguridade están a investigar o caso. Recoméndalles aos propietarios de mascotas que extremen as precaucións á hora de sacar a pasear os animais. Inxerir algúns destes cebos pode causarlles a morte.