CRTVG

Buscar

Preocupación na Limia pola retirada dun produto para a conservación da pataca

Publicado o 24/06/2019 12:42

A Unión Europea retira un produto químico que utiliza o sector da pataca para a súa conservación, e isto preocupa na Limia, onde o empregan para atrasar a súa xerminación e poder conservala durante máis tempo antes de saír ao mercado. Os pataqueiros piden unha alternativa. 

O clorprofan é un produto fitosanitario que emprega o sector da pataca da Limia para atrasar a xerminación das patacas e conseguir así conservalas durante máis tempo. Adoita aplicarse despois da recolleita e permite manter a pataca en bo estado ata marzo ou abril do ano seguinte. A decisión da Unión Europea de prohibilo a partir de 2020 ten preocupado o sector.

Agardan alternativas das casas comercializadoras de fitosanitarios, por que din os productores que as que hai que non sexan químicas, como o aceite de menta, non son efectivas. Tampouco solucionan o problema -din- as cámaras frigoríficas que xa teñen a maioría dos almacenistas, porque aseguran que cambian o sabor da pataca, facéndoas doces.

Iso si, dende o Consello Regulador da Pataca de Galicia e tamén os produtores queren deixar claro que o produto, autorizado polo Ministerio de Agricultura, cumpre coas garantías de seguridade alimentaria.

Na zona de Coristanco, a pataca véndese antes e non lles afecta tanto esta medida. Pero na Limia, a principal produtora de Galicia, cuns 100 millóns de quilos ao ano, confían en atopar unha solución que non prexudique no mercado a venda tanto para o consumo en fresco da súa pataca, como a procesada pola industria.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/06/2019