CRTVG

Buscar

Preocupación na Coruña pola vaga de roubos que sofren comerciantes e hostaleiros

Publicado o 07/10/2021 14:45

Hai doce horas os ladróns entraban nunha cafetería da Coruña, situada en fronte do Pazo da Ópera. Forzaron a porta principal e accederon ao interior sen que ningún veciño se decatase ata que soou a alarma. É a segunda na que entran en menos de dous anos.

"Levaron a caixa completa con mil euros e pódoche dicir que foi un roubo en 3 minutos, que nin sequera temos imaxes", explica Jessica Taibo, a propietaria do negocio.

Horas antes os ladróns tamén fixeron das súas nun restaurante italiano da cidade. Pero aquí, as cámaras si os gravaron. Contra as sete e media da mañá, dous homes intentaban forzar a porta principal e, ao non ser quen, dirixíronse ao lateral do negocio e aquí rebentaron a reixa da máquina do aire acondicionado. Fixeron un burato e un deles xa foi directo á procura dos cartos.

"Desde as 7 e media intentaron forzar a porta, a xente pasando...", explica Marco Miscali, o propietario do local.

Marco pensa abrir outro local na cidade, pero recoñece que a situación actual lle preocupa. "Preocupación e medo. Pero imos abrilo igual", afirma.

Esa mesma noite, os amigos do alleo entraron tamén nunha panadería e levaron as poucas moedas que había na caixa. Comerciantes e hostaleiros da Coruña piden máis vixilancia policial para frear esta importante vaga de roubos.

 

Noticias web

07/10/2021