CRTVG

Buscar

Preocupación na comarca da Mariña polo futuro da planta de Alcoa de San Cibrao

Publicado o 08/10/2019 12:52

Alcoa argumentou perdas económicas polo prezo da enerxía para parar 32 cubas de electrólise e baixar a produción na planta de San Cibrao un 11%. E condiciona reactivalas a un novo marco enerxético. A factura da luz supón o 40% do custo na fabricación dunha tonelada de aluminio. Para poder ser competitivos, os traballadores urxen medidas que abaraten custos.

O presidente do comité de empresa demanda "un marco das tarifas que nos faga competitivos ao mesmo nivel que ao resto dos países europeos. Eles teñen unha enerxía un 50% máis barata que a que temos aquí. Somos a terceira fábrica máis competitiva de Alcoa no ámbito mundial en produción de aluminio. O único problema que temos é o problema da enerxía".

Desta planta dependen 2.000 postos de traballo directos. E o alcalde de Cervo explica que "a empresa de aluminio representa entre o 30 e o 32 % do produto interior bruto de toda a provincia de Lugo e iso concentrado nunha comarca como a nosa".

Unha comarca, a da Mariña, mobilizada polo futuro desta planta de Cervo.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/10/2019