CRTVG

Buscar

Preocupación entre os camioneiros polos roubos de gasóleo

Publicado o 27/01/2020 14:17

Dous novos roubos de gasóleo na provincia de Ourense reactivan a alarma entre os camioneiros. Aseguran que non hai protección que sirva contra os ladróns e que os prexuízos que lles ocasionan son elevados. As zonas fronteirizas son as máis vulnerables polo elevado prezo do combustible en Portugal.

Encher un depósito deste tráiler sobe dos 1.000 euros. Os ladróns non adoitan baleirar o depósito, pero a este xa lle roubaron dúas veces, así que as perdas son elevadas: "Tiña o coche aparcado. Ábrenche o tapón e sacan o gasóleo. E, se o pechas con algo, fúranche o depósito e aínda é peor".

Existen mecanismos antirroubo que se instalan no propio depósito, pero os camioneiros aseguran que non son cen por cento efectivos e que mesmo poden derivar en danos aínda maiores. O enxeño dos ladróns non ten límites, como nos comentan dous camioneiros: "Hai mesmo camións que veñen preparados cun sistema que aparcan ao teu lado, sacan a mangueira e cun motor pequeno estanche baleirando o depósito". "Se cho baleiran algúns rateiros que hai por aí, cóllenche 70, 80 litros... Pero hai outros que che baleiran o depósito. Van unha vez, outra... e ao final baléiranche o depósito".

A Garda Civil de Ourense e a Garda Nacional Republicana de Portugal colaboran na investigación destes roubos que acontecen maioritariamente en zonas fronteirizas.

Alberto Vila, coordinador xeral de Apetamcor: "Como estamos limítrofes con Portugal, onde o gasóleo está case 15 céntimos máis caro, é un bo negocio, entre aspas. Polo volume que hai ata agora non podemos falar de tramas, pero si dinámicas que se dan de forma illada".

O último caso na provincia de Ourense foi hai uns días. Un camioneiro de Barbadás sorprendeu tres mozos baleirándolle o depósito. Días antes, en Xinzo de Limia, un agricultor denunciou o roubo de 1.500 litros de gasóleo que tiña almacenados.

Alberto Vila: "Nós o que sempre lles dicimos é que non se pode deixar o camión en calquera sitio, pero ás veces é moi complicado porque as zonas vixiladas non abondan, senón que escasean".

O Xulgado de Instrución número 3 de Ourense instrúe o último caso, que podería ser constitutivo dun delito de furto.

Noticias web

27/01/2020