CRTVG

Buscar

Preocupación en Santiago por uns 'okupas' que tampouco respectan as medidas sanitarias

Publicado o 07/08/2020 13:55

As familias do barrio dos Pelamios, en Santiago, din que están superadas pola situación que viven desde hai un ano, agravada agora polas circunstancias sanitarias actuais.

Denuncian a ocupación ilegal de varias vivendas, cuxos inquilinos incumpren ademais a normativa actual de distanciamento e protección, polo que cren que poñen en risco a saúde de todos. 

Os veciños din que os ocupantes ilegais non empregan máscara e que ateigan zonas comúns nos edificios sen medida ningunha de precaución.

Neste momento, o seu principal medo é que o barrio se converta nun foco de contaxio da covid-19, ante o incumprimento das medidas sanitarias.

Din que non entenden que se descargue nos cidadáns a responsabilidade de cumprir certas normas para evitar multas e a propagación do virus, e que cando alertan do seu incumprimento non fan caso dos seus avisos.

Agustín García, presidente da Comunidade de Donos, asegura que o problema é o "desprezo" desta xente, que se reúnen nos portais "sen usar máscara e tirando lixo".

Os ocupantes ilegais seguen alí, segundo denuncian os veciños. Din que acumulan múltiples queixas e avisos que os veciños trasladan constantemente á Administración e á Policía, tanto Nacional como Local, con todo tipo de detalles da situación. Con todo, a pesar da insistencia dos residentes, nada cambiou.

"As comunidades poñemos carteis para a protección da covid, para que non se bote lixo nas zonas comúns e para que non deixan nelas trastes", di Agustín García, "pero non fan caso".

Denuncian de tráfico de drogas, ameazas aos veciños, presenza de cans de raza perigosa e discusións desmesuradas. Tamén hai preocupación por parte dos donos das vivendas ocupadas ilegalmente.

Aseguran que non hai a máis mínima acción por parte da administración nin da policía. Afirman que abonda pasar polo barrio calquera tarde para comprobalo.

Noticias web

07/08/2020