CRTVG

Buscar

Preocupación en Pontevedra polas lombas nos accesos aos hospitais

Publicado o 10/10/2018 15:37

Preocupación en Pontevedra polas lombas que se instalaron no acceso ao hospital de Montecelo. Os técnicos de urxencias sanitarias advirten do perigo que supoñen para os enfermos cando viaxan na ambulancia.

Pontevedra converteuse nos últimos anos nun modelo para moitas cidades. Cero mortes por accidentes de tráfico dende o 2011. Unha parte do logro é grazas ás incómodas pero eficientes lombas. Pero que ocorre cando unha ambulancia pasa por riba delas?

"Imaxinemos un politrauma que vai con varios ósos fracturados, pois un golpe cunha lomba destas pode empeorar a súa patoloxía. Un paciente que vaia entubado con respiración asistida, ese tubo pode saír. Un paciente que vaia monitorizado, ese monitor pode deixar de funcionar, pode artefactarse ou un paciente que vaia cunha grande hemorraxia, esas hemorraxias poden empeorar".

Os técnicos en urxencias sanitarias advirten que dende que se colocaron as lombas, e hai preto de 400 na área urbana, o tempo de resposta deles elevouse de 6 a 9 minutos. Ata Pontevedra achegouse Mateo Lafragua un vasco que leva anos loitando pola supresión das lombas nos accesos aos hospitais.

"Eu son un transplantado renal en dúas ocasións e nun traslado de emerxencia ás urxencias hospitalarias desestabiliceime nunha lomba, entón co último transplante decidín que había que facer un estudo e que había que facer algo para demostrar o prexuízo que xeran as lombas. Eu ao principio pensaba que só me pasaba a min pero vas comprobando que o resto dos compañeiros de diálese tiveron sangrados ao impactar coas lombas, iso decidiume a devolverlle á sociedade un pouco do moito que a sociedade fixo por min coas doazóns de órganos".

Un traslado o máis estable posible é que se lle esixe aos profesionais do transporte sanitario.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/10/2018