CRTVG

Buscar

Preocupa en Monforte o aumento de casos de covid, sobre todo, entre os mozos

Publicado o 22/08/2021 14:45

Os casos de coronavirus en Monforte de Lemos multiplícanse. Xa hai 119 diagnosticados, cando na xornada anterior contabilizaban 76. Afectan, sobre todo, mozos. Moitos estaban xa vacinados ou recibiran polo menos a primeira dose, pero o contaxio foi evidente.

Estímase que hai varios focos de contaxio. A situación repercute en toda a poboación. Hai temor a que o gromo se espalle e que de novo haxa que aplicar novas restricións na cidade, que pouco antes das patronais baixara do nivel alto ao medio. Desta volta non se celebraron as festas, pero todo apunta a que si houbo reunións moi concorridas.

Outro dos gromos que preocupa na provincia de Lugo é o de Barreiros. Parece estabilizado e a localidade mantense no nivel medio de restricións.

No hospital da Costa continúan ingresados dous mozos, relacionados con este gromo que se mantén en 16 casos.

Non obstante, segundo a páxina do Sergas, os diagnosticados a sete días neste concello son entre 1 e 9. A diferenza no número pode deberse a que os afectados son persoas con cartilla sanitaria de fóra de Galicia.

 

Noticias web

22/08/2021