Preocupación dos empresarios de Valdeorras pola parálise da A-76
É a principal zona produtora de lousa de España. O 95 por cento do material que se extrae e se transforma en Valdeorras destínase ao mercado internacional, a onde chega a través desta estrada.
Severino González, xerente do Clúster da Lousa de Galicia: "Do porto de Vigo sae moita lousa con destino a Francia, a Inglaterra e outros países, entón para nós é fundamental ter unhas boas vías de comunicación, porque minoramos os custos dos transportistas e tamén pola axilidade no tempo".
A construción da A-76 é imprescindible, din, para a competitividade dun sector cun importante peso na economía galega. Unha demanda á que se unen o resto de empresarios e veciños da zona, cansos de oíren falar dun proxecto que non se materializa.
Araceli Fernández, presidenta da Asociación de Empresarios de Valdeorras: "Desde 2005 ata o 2021 se houbera un interés a hora de traballar houberase solucionado. As cousas técnicas sempre se solucionan e agora se custa máis, se non está previsto que pasara por onde pasara".
Temen que ao final se aposte por desdobrar a N-120 e quede no esquecemento o proxecto de autovía básico, din, para loitar contra o illamento desta comarca. Os orzamentos do Estado para ano que vén tan só recollen cincocentos mil euros para a A-76, deles só 200.000 na provincia de Ourense.