CRTVG

Buscar

Preocupa a situación en Sarria tras detectarse un gromo con 28 positivos

Publicado o 25/06/2021 21:24

As autoridades sanitarias amosan preocupación polo concello de Sarria, debido a gromo que acumula xa 28 positivos e que provocou que esta vila pase ao nivel alto de restricións. Rematan así dúas semanas con toda Galicia situada nos niveis máis baixos.

A maioría dos contaxiados residen nun mesmo edificio da rúa Calvo Sotelo, xa que, ao parecer, o gromo tivo a súa orixe nunha comida en que participaron membros dunha mesma familia e algúns amigos. O Sergas xa deu os primeiros pasos para facer cribados entre os seus contactos e tamén no ámbito da hostalería, e malia que poderían aparecer novos casos agarda conter con rapidez a expansión do virus.

Con este gromo Sarria chega aos 202 casos por cada 100.000 habitantes e desde esta medianoite será o concello galego con maiores restricións. Agardaban ampliar desde mañá a capacidade das terrazas, pero en plenas festas de San Xoán, Sarria sofre os efectos dun gromo que acumula polo momento 28 positivos e que tivo ao parecer a súa orixe nunha celebración familiar. 

O concello fai un chamamento a participar nos cribados.Os veciños, preocupados, teñen claro que hai que seguir  coas máximas precaucións.

Sarria pasa deste xeito ao nivel alto de restricións, e iso supón por exemplo que a hostalería teña que pechar o seu interior e so poda utilizar o 50 por cento da terraza.

A situación provocou ademais a suspensión do Festival de maxia, pero non do resto do San Xoán, xa que son actividades no exterior. Sarria, con 202 casos por cada 100.000 habitantes, é o único concello galego con nivel alto de restricións.

Noticias web

25/06/2021