CRTVG

Buscar

Preocupa a situación do Salnés, con 14 novos positivos en Sanxenxo e catro en Cambados

Publicado o 19/07/2021 14:23

Leve melloría na área sanitaria Pontevedra-Salnés, que malia rexistrar 82 novos contaxios suma tres xornadas consecutivas de descensos. A situación máis preocupante segue a ser a da comarca do Salnés, onde os positivos seguen medrando.

Con 14 novos casos diagnosticados, Sanxenxo segue a ser o concello co maior número de contaxios, 233 nos últimos 14 días. Soben os contaxios tamén no Grove, con cinco novos positivos, e en Cambados, que rexistra catro novos casos activos e eleva ata 132 a cifra de total de afectados. Na localidade non acaban de atopar a causa desta repunta.

Temen que o incremento de casos os leve de novo ao nivel máximo de restricións. "Tememos que en calquera momento nos volvan pechar perimetralmente, e iso sería a morte", di a propietaria dunha cafetería de Cambados. "Non é bo para ninguén, pero ten que ser en todos os sitios igual, medir a todos polo mesmo raseiro".
As queixas repítense nos concellos situados no nivel alto de restricións malia teren menor incidencia que Sanxenxo, que, pese a ser o que peor evoluciona da comarca, quedou en nivel medio.

Noticias web

19/07/2021